José María Laredo Cordonié


ARTISTAS NA OUTRA BEIRA

José María Laredo Cordonié

O proxecto “p2sp” (... from portrait to self-portrait...) parte dunha galería de retratos fotográficos de artistas feitos por Antonio Nodar e, nunha segunda fase, a conversión destes en autorretratos. Polo tanto concorren no plan tres elementos a ter en conta: o retrato de artista, o autorretrato e a galería de retratos.

... RETRATO ...

O escritor francés Guy de Maupassant, no seu conto "Hautot pai e fillo", di ao describir un personaxe que "... mostraba nas súas vermellas meixelas unha fina trama de veíñas moradas semellantes aos afluentes e aos corpos tortuosos dos ríos nos mapas de xeografía". Se entre as liñas dunha cara somos quen de atopar o mapa máis complexo e a paisaxe máis fermosa, é porque nun rostro colle o Universo todo. E se unha faciana é o espello do mundo, dun mundo interior, o que o ve e o revela é o artista. Por iso o retrato sempre foi un dos xéneros máis recorrentes para expresar o sentir dun creador.

A intención do retratista precisa do consentimento do modelo, da súa complicidade. Pero, xa desde o mito, sabemos do desexo dos seres humanos de contemplar a súa propia imaxe. Mirarnos no espello e, cando é posible, mirarnos a través da mirada allea, saber como somos vistos. E pasar á posteridade fixando a nosa efixie para sempre, nese afán absurdo pero tan humano de vencer á morte.

Así e todo a representación da propia figura non sempre estivo ao alcance de todos, senón so de aqueles que desde a poltrona o podían permitir. Asumida a misión primeira de salientar aos que ostentan o poder, pouco a pouco vai xurdindo unha función documental. Hai cidadáns que merecen ser recordados polos seus propios méritos mais aló da súa posición social. Mesmo hai artistas que buscan entre a xente humilde os modelos para os seus cadros de capricho. E así a representación da figura individualizada vai evolucionando en forma e contido. Desde a descrición exacta e fiel, "do natural", coa máxima obxectividade, cara o retrato psicolóxico no que o retratista debe captar os "signos da alma". Do fondo neutro no que destaca a figura, á escolla dun entorno espacial, un encadre, unha postura e un xesto. E respecto ás técnicas, do óleo ou o pastel para os personaxes egrexios ao debuxo a lapis ou o gravado nas súas diferentes variantes, como formas máis axeitadas para a súa venta e reprodución masiva.

Vai ser a fotografía a que estenda sen límites a posibilidade de ser retratado, aínda que non se pode dicir que por iso compita coas outras técnicas, senón que desenvolve ese desexo de fixar a imaxe de cadaquén. Por economía e por accesibilidade. E revoluciona o retrato como unha máis das artes porque a fidelidade do retrato fotográfico liberou ao pintor do naturalismo, da procura do parecido, ao tempo que representou como ningunha outra o instante, o momento real, o efémero. Esa accesibilidade, e o feito de que todo o mundo faga fotos hoxe podería restarlle ese "algo" artístico, ese toque adicional que o converte en arte. Por iso un bo retrato fotográfico que suscite a fascinación pola imaxe doutra persoa so está ao alcance dos verdadeiros creadores.

... RETRATOS DE ARTISTA ...

Cando o retratista, liberado en maior ou menor medida da presión do encargo, pode elixir o modelo, faino cos seus próximos: amantes, familiares, amigos e colegas. O feito dun artista retratar a outro xermolou neste contexto. Nun primeiro lugar serían estudos cun fin particular e privado. Pero decontado foron espertando o interese dos demais e comezan a aparecer en coleccións privadas dalgúns nobres como os Médici. É a época do Renacemento, cando os artistas acadan os primeiros triunfos no recoñecemento da súa dignidade e vanse incorporando ao grupo dos personaxes ilustres que merecen ser retratados.

No Museu Cau Ferrat de Sitges atópase un cadro titulado "Retratándose" que está asinado por Ramón Casas e Santiago Rusiñol. Pintado "a catro mans" en 1890, está considerado como un duelo entre artistas xa que nel aparece Casas pintado por Rusiñol e Rusiñol pintado por Casas nunha mesma escena. De artista a artista: miradas entrecruzadas que se completan entre si. A amizade e mutua admiración entre compañeiros de profesión foi sempre frecuente, pero tamén a rivalidade e a turbulencia nas relacións entre os "nacidos baixo o signo de Saturno" (título dun libro dos Wittkower), que se consideran moi diferentes á "xente normal". Segundo recollemos do citado libro "existe a crenza, case unánime, de que os artistas son, e sempre foron, egocéntricos, caprichosos, neuróticos, rebeldes, informais, licenciosos, estrafalarios, obsesionados polo seu traballo e de difícil convivencia". É dicir, ... como case todo o mundo.

Cando o artista é o retratado coñecemos tamén o universo da súa mente e nos introducimos no conxunto da súa obra a través da mirada de outro. É un documento da súa biografía. Se un artista retrata a outro artista está xogando dalgún xeito ao espello, xa que o resultado forma parte dun autorretrato colectivo.

E é que o autorretrato non é máis ca unha variante do retrato de artista. Tradicionalmente tense entendido como un estudo, un exercicio técnico ou de estilo para quen non pode dispoñer doutro modelo. E ademais proporciona un grao de liberdade total, porque a intención non era, en principio, a súa exposición pública. Aínda que vistos os resultados obtidos, a súa espontaneidade e autenticidade, o público foinos reclamando. E a partir de aí todos os grandes nomes da arte occidental, desde o Renacemento, tense autorretratado. Mesmo por veces fixérono dun xeito algo obsesivo.

Para a necesaria mirada do espectador, o autorretrato é efixie e máis creación plástica, implica que o artista está nas dúas beiras. É observador e observado. E polo tanto, consciente dese desdobramento o creador acaba por deixar voar o subconsciente para mesturar nunha soa imaxe o que é e o que quixera ser, xogando coas posibilidades da arte para o engano e pasando dunha figura realista a outra ideal.

... GALERÍAS DE HOMES ILUSTRES...

O afán por distinguir iconograficamente a unha serie de personalidades nun determinado campo de actividade pública deu lugar ás "galerías de homes ilustres". Ante a crecente magnitude de personaxes públicos de interese é preciso facer unha escolla e salientar aos máis egrexios de cada ámbito. A

presencia de artistas nestas galerías data tamén da época do Renacemento. Algunhas están hoxe en coleccións públicas e privadas. Pero xorden igualmente as galerías impresas, con retratos gravados e textos coa biografía do personaxe. Xa na segunda edición das "Vidas" de Vasari aparecían retratos dos artistas. En España, Pacheco, que sería logo mestre e sogro de Velázquez, fixo un "Libro de verdaderos retratos" no que se percibe a idea de recompilar todo o saber do seu tempo e no que inclúe tamén a compañeiros artistas. Esta corrente mantívose nos séculos seguintes en case todos os países europeos.

Xa a mediados do XIX o debuxante francés Nadar merca unha cámara fotográfica e comeza a facer retratos dos parisinos máis populares coa intención de utilizalos para as caricaturas que sacaba na prensa. Publicou algunhas baixo o título de "Panthéon Nadar", pero logo seguiu facendo retratos fotográficos que rematarían por constituír un corpus en si mesmo, e do que poderiamos tirar toda unha galería de pintores da xeración dos impresionistas.

Na época das vangardas outros artistas quixeron deixar constancia do aspecto dos seus propios compañeiros. Se os fauves se pintaron os uns aos outros, o fotógrafo americano Man Ray converteuse á súa chegada ao París dos anos vinte no retratista oficioso dos dadá e dos surrealistas.

En España tamén houbo casos que reflicten esta camaradería entre artistas a través de series de retratos como os debuxos ao carbón que fixo Ramón Casas en Barcelona, moitos deles de corpo enteiro; ou a longa serie de "Hombres de mi tiempo", de Daniel Vázquez Díaz, a maioría tamén debuxados e que, como "biografías pintadas", foron publicadas na prensa acompañadas de textos escritos polo propio pintor andaluz.

Algúns galegos tamén traballaron para deixar unha galería dos máis egrexios cidadáns contemporáneos. Cómpre mencionar ao gran Álvaro

Cebreiro, coas súas "caricaturas arbitrarias", como lles chamou Castelao, máis ben retratos sintéticos ou de carácter de moitos dos seus compañeiros de xeración, que comezou a publicar nos anos vinte. Máis tarde, xa nos setenta, foi Luís Seoane quen publicou na prensa as súas "Figuracións", xuntando un bosquexo a tinta dunha figura relevante do momento e un breve texto escrito tamén por el mesmo.

... ÁLBUM “GALICIA”...

Neste camiño anda desde hai xa bastantes anos o galego Antonio Nodar. Coa idea de establecer un diálogo de vocación universal entre artistas, comezou unha escolma sen máis criterio que o da afinidade persoal e a vontade dos participantes, e a partir do retrato que lles fai trasládalles a iniciativa a eles para que procedan con liberdade.

Mirando un pouco para o “Álbum Galicia”, para o que o fotógrafo, que leva anos vivindo fóra, achegouse a retratar aos 168 artistas presentes na exposición, percibimos esta sensación de colectivo traballando nun proxecto común sen afán de protagonismo. Nodar encóntrase cos homes e mulleres participantes en lugares para a creación: museos, galerías, estudios ou espazos ao aire libre onde atopamos a arte en plena efervescencia. E por iso escolle normalmente o plano medio nos retratos, para que percibamos ben ese entorno concreto e quede marxe para a segunda parte do proceso.

E despois busca a ollada directa, de fronte. Así cada retrato en orixe é un diálogo cara a cara do artista co retratista, e desde que nós o vemos, co espectador que substitúe a este, ou cando menos comparte o seu espazo, a súa ollada. A partir de aí, Antonio so vai ser anfitrión, o que propicia a experiencia dobre de verse retratado e intervir sobre a propia imaxe.

Rara vez eloxiamos o espello, pero este proxecto ofrece a posibilidade de rachar con el e crear unha imaxe ao gusto. Por suposto, unha imaxe artística. A verdade da foto inicial ten unha segunda oportunidade: o retratado ten que “devolver a pelota” e complicar o asunto ate onde voluntariamente chegue. Así o tema funciona como unha catapulta, ás veces con mellores froitos que a liberdade plena.

Os resultados dunha mostra de artistas tan numerosos como diversos adoitan ser desiguais. Neste caso o vínculo mantense desde o punto de partida coas fotos de Nodar, e o entusiasmo manifesto dos participantes fai que todos sumen ao fato e non haxa decepcións. Temos que resistir a tentación de citar nomes. Dunha relación de case douscentos, sería inxusto e pouco revelador. Precisamente o proxecto recalca a igualdade de trato dado a cada un. E as respostas dos artistas de “p2sp” cadran coa época ecléctica na que vivimos. Asumidas as vangardas históricas como parte da bagaxe común, cada individuo escolle o seu camiño e todos son válidos, todos conviven sen problema ningún, enriquecendo o panorama da arte galega, neste caso. E ao espectador quédalle gozar sen complexos desta variedade como un ben, á espera de que outros camiños sexan abertos para acoller a novas xeracións e novos tempos.

Están representadas todas as técnicas, desde a colaxe ao recorte, e todo tipo de manipulacións da imaxe. Entre as opcións máis recorridas, a de pictorizar a imaxe fotográfica, ou utilizala como pretexto para a súa propia concepción estética. Nalgúns casos profúndase nese estilo persoal máis alá do tema, xogando co límite das regras. Pero noutros casos é a actitude fronte á propia imaxe a que dá xogo. Ofrecer parte da intimidade ao público é tratar co pudor. Hai quen respecta o seu físico, hai quen o ignora, quen o oculta, quen o resalta. Coa plena incorporación da muller á arte, en condicións de igualdade,

nestas actitudes vemos a diferenza innegable. Eles, xeralmente máis parcos, móvense entre a forza xestual e o humor, máis proclives ao aceno e a desvirtuar sinistramente a imaxe orixinal. Elas, máis afeitas á maquillaxe e a sedución, coidan a súa efixie con esmero e aceptan con agrado este sutil xogo de máscaras. Precisamente a reivindicación do feminino na arte das últimas décadas está marcada pola autorreferencia, polo uso da propia imaxe como unha opción íntima e persoal.

En calquera caso, analíticos ou sintéticos, respectuosos ou radicais, con ou sen pudor, todos aproveitan a oportunidade de ser outros sen deixar de ser eles, artistas. E agora o espello somos nós. O artista está na outra beira. E diante de nós percibimos esa idea de colectividade alegre, viva, heteroxénea e creativa. E o descubrimento deste estado pletórico da nosa comunidade artística debémolo a Antonio Nodar, que nos prestou os seus ollos e o seu entusiasmo.

Nada hai como un sorriso ou unha ollada para responder ás nosas preguntas. Non hai nada como un rostro e as súas infinitas formas para obter respostas aos grandes enigmas. E aínda preguntan sobre a vixencia do retrato. Se a imaxe dunha persoa transmite vida, por que fuxir da súa representación?